InicioEconomíaO comité: "non baixaremos os brazos, Alcoa non pode seguir tirando na...

O comité: “non baixaremos os brazos, Alcoa non pode seguir tirando na dirección contraria á que imos todos”

A días de que finalice o prazo para concretarse unha venda da planta de Aluminio, os traballadores urxen á multinacional a aceptar a oferta de mediación formulada polo Estado

Publicada o

- Advertisement -

EFE. O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, deixou claro que os traballadores séntense “con forza para seguir loitando” e, a poucos días de que finalice o prazo que se deron GFG Alliance / Liberty House e a multinacional estadounidense para negociar a venda da planta de aluminio primario, asegura que non van “baixar os brazos en ningún momento”.

Zan fixo estas declaracións despois de que un grupo de traballadores cortase o tráfico, pouco antes das 11.00 horas, na Autovía do Noroeste (A-6), á altura do municipio lucense de Outeiro de Rei, para reclamar unha vez máis que chegue a bo porto ese proceso iniciado para a venda da planta de aluminio primario ao grupo GFG Alliance -Liberty House-.

“Veremos o que sucede con Alcoa”, dixo o presidente do comité de empresa, porque de momento mantense nunha “negativa total a calquera acordo”.

Precisou que os traballadores contan co “apoio da Xunta de Galicia e do Goberno de España”, que están tentando exercer como “mediadores” para conseguir que este proceso chegue a bo porto, pero a multinacional norteamericana non parece disposta a chegar a un acordo.

De feito, aclarou que o propio Goberno de España, nese papel de mediación, presentou unha “proposta que Liberty House aceptou, pero Alcoa non, malia que era máis favorable para Alcoa”.

Zan recordou que a propia Alcoa aceptou a mediados de agosto esa “mediación” do Goberno e a apertura dun período de seis semanas para tratar de chegar a un acordo de compra con Liberty House, polo que agora debería aceptar a proposta dese mediador. Ao seu xuízo, “non pode seguir tirando na dirección contraria á que imos todos”.

CONTA ATRÁS PARA UNHA VENDA

De non concretarse unha venda como moi tarde o domingo 27 de setembro, a titular das instalacións e os sindicatos retomarían o día 28 o período de consultas do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado pola propietaria.

A multinacional estadounidense insistiu en acusar á potencial compradora de frear o proceso, mentres que os sindicatos -comité, CC OO, CIG e UGT- coincidiron en atribuír a Alcoa “mala fe” nas negociacións. A Xunta de Galicia urxiu tamén á propietaria a axilizar o proceso de venda, e o Goberno central ofreceu unha mediación que foi rexeitada pola titular das instalacións.

FOLGA NAS AUXILIARES E ASEMBLEA O DÍA 25

Os traballadores de empresas auxiliares reactivarán o mércores a folga indefinida iniciada en xullo e posteriormente suspendida, a fin de reclamar unha solución para a planta de aluminio, lembrando que posibles recortes no emprego suporían non só centos de despedimentos na planta de aluminio, senón tamén nas contratistas.

O persoal do complexo industrial non pode, en principio, respaldar o paro, posto que no acordo adoptado con Alcoa para que accedese a negociar a venda o comité comprometeuse a respectar a paz social na fábrica. Os sindicatos citaron ao persoal a unha asemblea, o vindeiro día 25 (12.00 horas) para explicar a situación do proceso de compra-venda e o posicionamento de cara ao día 28, de fracasaren as conversas.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...